Difusa
Sinto que non son boa blogueira por ser tan difusa.
Sei o que teño que facer, pero miña mente divaga ideas que procrastinan ata límites insospeitados.
A pereza domíname e socializar tras o traballo semella algo moito máis real que contar experiencias nun blog. Pero as veces é moito máis necesario contalas por aquí -a modo podcast- que facer un monólogo entre a xente.
[Saber quen escoita e quen non de verdade]
Unha persoa que coñecín fai pouco animábame a facer disto un formato e lle respondín "Xusto comecei a facer 'tanxible' esa mesma idea". E sentinme unida de forma onírica a esa alma-idea.
A perspectiva da vida fainos irreais por momentos. Queremos espremer cada sensación emotiva ata o final. Moitas veces ata que nos fai dano e é entón cando queremos expresar as cousas. E iso provoca que os demais disfruten do teu drama (coma porcos no esterco) e que un mesmo viva dende a perspectiva dos outros coma se foras un negativo. Un fotograma illado.
[todo de cara ao exterior/ pensamentos intrusivos]
Meu interior é ese paxaro inocente que confía na vontade das persoas. Que quere contar historias e vivilas en primeira persoa e, iso amigues, é o que me fai ser difusa e inconstante á hora de escribir neste blog.
As ideas que eclipsan a miña mente loitan por ver cal é a prioritaria. Pero o cansancio de vivir para traballar rematan por adormecer as gañas.
Ao final, o monstro creativo ataca cando semella estar todo tranquilo e aí é cando aparecen estas verbas para perdoarme a min por non ser constante coas idas que hai en min. Perdoarme por ser como son: difusa, imprevista e emotiva.